Este espectáculo nace da vontade de dous actores de investigar o mundo das adiccións. Curiosamente este tema, a adicción, que periodicamente está no escaparate mediático non deixa de ser na súa expresión maioritaria un cúmulo de tópicos máis ou menos ben intencionados, máis ou menos interesados.
Para intentar combatelos decidimos escoitar… O curioso era comprobar que nunca se podía extraer unha conclusión fácil, que, en definitiva, detrás das palabras escoitábanse ecos de vivencias, desexos, frustracións, esperanzas que resoan en todos nós.
Esta galería de personaxes non son froito de ningunha fantasía, son veciños, parentes, familiares ou transeúntes cos que, talvez, cruzaches en algunha ocasión.
Non se nos ocorre nada mellor que intentar comprender, vivir coas súas preguntas e, sobre todo, non xulgar.